evento | Población
07.11.2023-31.03.2024

Olga Gallego no seu centenario (1923-2023)

Imagen de 81321

A primeira muller na Real Academia Galega

A totalidade das pezas que compoñen a mostra pertencen ao arquivo e á biblioteca da propia Olga Gallego, que foran doados pola súa irmá Pilar ao Arquivo de Galicia no ano 2012. Grazas a ese material afóndase na figura dunha muller que foi fundamental na arquivística española e iberoamericana no último cuarto do século XX. O seu Manual de archivos familiares continúa sendo hoxe en día unha referencia.

Faise fincapé na súa condición de primeira muller en ingresar na Real Academia Galega. Así, está exposta a publicación As barcas e barcos de pasaxe da provincia de Ourense no Antigo Réxime, que foi o tema do seu discurso de ingreso o 15 de novembro de 1986.

Tamén se pode observar unha curiosa carta de Antonio Meijide Pardo, tamén académico nese momento (1991),  pedíndolle a Olga Gallego que delegue o seu voto no caso de non poder asistir á reunión do pleno da institución. Será a encargada, ademais, de redactar o opúsculo que a Real Academia dedicou a Xesús Ferro Couselo na celebración do Día das Letras Galegas de 1996.

 Ademais de bibliotecaria e arquiveira (aprobou a oposición ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos en 1958) a mostra afonda na súa faceta de historiadora. Abarcou temas moi variados como a historia económica, social, administrativa e cultural de Galicia. Destaca a dedicación a aquelas cuestións relacionadas con Ourense e a monografía titulada Historia da muller: mulleres ourensás dos séculos XIV-XVIII (2008). Exhíbese tamén, entre outras pezas, un bosquexo coa localización das fortalezas da provincia de Ourense ao que acompañan diversas fotografías de traballo de campo

 

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357