evento | Población
15.02.2024-25.02.2024 20:00:00

Helen Keller, a muller marabilla?

Imagen de 81308

Despois dunha serie de pezas que cuestionaron as narrativas oficiais a través de historias locais nas que se cruzaban a memoria colectiva e a experiencia persoal (Citizen, Eurozone, Fillas Bravas, Eroski Paraíso, Curva España, N.E.V.E.R.M.O.R.E.), este proxecto vai cuestionar o modus operandi de Chévere, co fin de seguir desbordando os límites e as estrataexias das prácticas arredor do teatro documento. Afástase das historias máis ou menos locais e da mirada xeracional, pero mantén o interese por narrar desde as zonas de rozamento entre a memoria colectiva e os relatos oficiais, usando a mesma metodoloxía de traballo e as tácticas de creación que lle son propias.

Todo comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para o grupo, chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os oito anos. Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. E polo que se sabe, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos vanse descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorprendente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller non é real, incluíndo unha petición en charge.org para eliminala da historia.

Isto desencadea a curiosidade necesaria para compartir a historia co público. Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista?

Son preguntas que tratan sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser unha muller marabillosa e ao mesmo tempo poder vivir simplemente como unha muller independente e autónoma. Sobre a posibilidade de aceptar que sexa unha muller xorda quen rache os silencios sociais ou que sexa unha muller cega quen abra os ollos da sociedade diante da inxustiza que nos rodea. Alén diso resoa a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?

Este tamén é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso intégrase na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua de signos.

  • Idea orixinal: Chusa Pérez
  • Creación: Chévere
  • Dramaturxia e dirección: Xron
  • Elenco: Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez, Chusa Pérez
  • Axudantía de dirección: Borja Fernández
  • IIuminación: Fidel Vázquez
  • Espazo audiovisual: Lucía Estévez
  • Asesoramento e apoio en inclusión: Chusa Pérez
  • Asesoramento en lingua de signos: Ramón Costoya Lens
  • Produción, administración: Inés Portela
  • Produción executiva: Patricia de Lorenzo
  • Comunicación: Xana García
  • Distribución: Carlos M. Carbonell/Crémilo

Unha coproducción de Chévere, Centro Dramático Nacional e Teatre Lliure.
Con apoio de Agadic-Xunta de Galicia.
Colabora: Centro Dramático Galego, Concello de Ames, ONCE, Sala Ártika.

Espectáculo en lingua de signos (LSE) e lingua falada (galego) con textos proxectados en galego.
Todas as funcións contarán con audiodescrición.

 

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357