noticias | Población
30.08.2019

"Soledad, a Poppins de Sar", un novo mural de gran formato en Romero Donallo

Estes días, o artista Joseba Murazábal está a rematar un mural de gran formato na fachada lateral dun edificio da avenida de Romero Donallo. O seu título, "Soledad, a Poppins de Sar", lembrando a unha muller de Compostela, xa falecida, á que o artista coñeceu grazas aos textos da súa neta, a escritora María von Touceda.
Imagen de N18797
Lembra a autora compostelá que "Joseba veu a facerlle unhas fotos despois de que ela estivese unha semana dicindo que non. Ao final, pola ilusión da súa neta, accedeu". Logo, a protagonista visitou tamén o taller do artista.

"Joseba plasmouna sucando o ceo e é un acerto por parte do pintor", di María von Touceda, para quen, "en certo modo, esta pintura é como celebrar a súa resurrección". A súa familia leva a Soledad sempre na memoria e "agora temos este mural en Romero Donallo como verdadeiro e único centro de peregrinación neste Santiago de Compostela onde Soledad forxou a súa propia lenda e logo faleceu, deixándonos orfos dos seus superpoderes, a súa sabedoría e a súa ilusión", apunta a escritora sobre a súa avoa.

Cultura urbana entre a mocidade
A realización desta obra enmárcase nas accións de fomento dos hábitos saudables e prevención do consumo de drogas que desenvolve a UMAD. Máis en concreto, a acción forma parte do programa Compostela Lab, que promove actividades de cultura urbana entre a mocidade.

Estas accións artísticas xorden como alternativa de ocio e de expresión persoal e artística. Ademais, son un modo de intervención sobre o feísmo urbano, creando espazos para a creación cultural. Tamén melloran o valor e a calidade do entorno urbano, sensibilización á mocidade sobre estes aspectos.

Dende os departamento de Mocidade e da UMAD véñense desenvolvendo dende maio obradoiros con mozos e mozas, e realizando outros murais de gran formato coa colaboración de artistas como Novenoel ou Miguel Peralta de Sestola na Cachola, co asesoramento de Mou, do colectivo Mutante Creativo.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357