noticias | Población
09.03.2017

"Crónicas de Siria" achegará aos centros socioculturais relatos musicados de autoras e autores sirios

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, acompañada do escritor e músico Pepe Sendón, presentou <em>Crónicas de Siria</em>, o ciclo de relato breve e música pertencente ao programa <em>Liñas Paralelas</em>. As sesións están deseñadas por Pepe Sendón, quen tamén se ocupa da selección, tradución e lectura dos relatos. Do traballo musical encárgase o guitarrista Marcos Teira.
Crónicas de Siria quere ser "unha forma de achegarlle á veciñanza de Compostela a situación do país a través de relatos e textos de autores e autoras sirios que serán interpretados musicalmente grazas ao talento de Pepe Sendón e á guitarra de Marcos Teira". Así, os mércores e venres do mes de marzo achegarán estas historias a catro centros socioculturais de Santiago.

O programa comeza o venres 10 de marzo no CSC das Fontiñas, continuará o mércores 15 no CSC do Ensanche, a seguinte sesión será no CSC de Vite o venres 24 e a última o mércores 29 no CSC do Castiñeiriño. A acción está organizada pola Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), en colaboración con Médicos do Mundo.

O programa consiste, polo tanto, na lectura musicada dunha selección de relatos breves de autoras e autores contemporáneos sirios. A esa visión literaria da realidade social do país súmanselle as crónicas reais de dous exiliados sirios residentes en Santiago, Zaid e Kamal, a quen Concha Fernández quixo agradecer especialmente o feito "de querer compartir con todas e todos nós as súas experiencias".

O proxecto
Tal e como explicou a concelleira, esta acción "trata de sensibilizar o público asistente ofrecéndolle unha visión humana da realidade siria en contraste coa tráxica información que recibimos diariamente daquel país. Siria é un país castigado por unha longa guerra que fai inviable a vida en moitas zonas do mesmo e que deu lugar ao drama das persoas refuxiadas, quen se ven forzadas a abandonar o territorio sen coñecer a onde irán ou que país os acollerán".

Por iso, Crónicas de Siria permitirá dar un pouco de luz á complexa situación que se vive no país asiático grazas ao testemuño dos refuxiados que viven na nosa cidade e mediante as historias que coñecemos dos escritores e escritoras daquel país. Poderemos escoitar un total de cinco relatos onde Ghalia Qabani relata en "Noticias na radio" a incómoda situación dun grupo que escoita a radio nun país onde manifestar ideas pode ser perigoso. Ou Zakaría Tamir, quen reflexiona sobre a natureza do poder e a dominación nunha alegoría en forma de conto de fadas no relato "Tigres no décimo día".

Yasin Rifa’iyya danos unha visión sobre as desigualdades sociais, capaces de reducir o ser humano aos máis baixos instintos animais a través dunha fermosa fábula. Pola súa banda, Haydar Haydar incursiona na natureza da violencia humana nunha terra asolada polo permanente conflito bélico en "A danza dos prados salvaxes". Finalmente, veremos a situación da muller na sociedade tradicional en contraste co mundo moderno a través dun cadro do pintor Ulfat al-Idilbi.

Contos no espello
Que ves ti no espello? Cóntao. Ese é o lema do programa Contos no espello, que organiza o Departamento de Centros Socioculturais para os primeiros sábados de mes e que se desenvolverá no CSC Aurelio Aguirre de Conxo ás 20:30 horas. A primeira sesión foi o 4 de marzo e as seguintes serán o 1 de abril, o 6 de maio e o 3 de xuño.

As persoas que desexen participar deben escribir un conto en galego no que apareza un espello ou seleccionar un conto sobre espellos escrito ou contado por outra persoa e adaptalo a unha versión propia. O ideal é que sexa de 500 ou ata 1000 palabras, xa que vai ser lido en público.

Os contos terán que ser enviados ao enderezo electrónico cscconxo@santiagodecompostela.gal xunto co teléfono de contacto. Os contos seleccionados participarán dunha sesión de Contos no espello e a autora ou autor poderá lelo en público. Os mellores recibirán como agasallo unha selección de libros.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357