noticias | Población
13.07.2023

Asinado o convenio polo que o Concello lle fai unha achega de 60.000 euros á Cociña Económica

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, visitou esta mañá as instalacións da Cociña Económica, acompañada polo presidente da entidade, Manuel José Botana, o vicesecretario, Fernando Barros, e o coordinador, Javier Brage. No marco da visita quedou asinado o convenio de colaboración entre o Concello e a Cociña Económica, que supón unha achega municipal á entidade de 60.000 euros.
María Rozas agradeceu o traballo que desenvolve a Cociña Económica, "unha das entidades que máis está a notar as consecuencias da crise derivada da pandemia, cun notable incremento de persoas usuarias". Segundo os datos da entidade, en 2022 a Cociña Económica serviu case 93.000 menús, dos que 52.300 foron xantares. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais expresou a súa vontade de "manter a colaboración entre o Concello e a Cociña Económica, tanto a través do convenio asinado hoxe como noutras iniciativas que sexan de interese".

Pola súa banda, o presidente da Cociña Económica agradeceu a visita de María Rozas, e a vontade de colaboración manifestada pola concelleira. Manuel José Botana explicou que "para a nosa entidade é fundamental esta axuda que recibe do Concello, así como as achegas doutras administracións".

Aproveitando a sinatura do convenio, María Rozas percorreu as dependencias da Cociña Económica e puido conversar con algunhas das sores e do persoal que atende as instalacións. A Cociña Económica, creada en 1891, ofrece servizo de comedor, cunha media de 200 usuarios e usuarias diarios nos distintos turnos de almorzo, xantar e cea; e conta tamén cun centro de día, que en 2022 tivo máis de 30 usuarios diarios de media.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357