noticias | Población
28.08.2023

A Xunta de Goberno adxudica as obras para a ampliación do carril bici na contorna da Intermodal e a reurbanización do Campus Sur

A Xunta de Goberno local, reunida esta mañá en sesión ordinaria, adxudicou o contrato para levar a cabo a primeira fase da actuación "Rede de Itinerarios Sostibles para a Redución da Pegada de Carbono", cofinanciada por FEDER 2014-2020 e o Concello de Santiago, cun orzamento total 301.368,99 euros. Tamén se aprobou a adxudicación das obras de execución do proxecto "Recuperación do Campus Sur para o cidadán" que contará cun orzamento de 334.935,65 euros e permitirá mellorar a conectividade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Vías e Obras, Xesús Domínguez, deu conta destes asuntos nunha rolda de prensa.
Imagen de N22679
O executivo municipal acordou adxudicar o contrato para a execución das obras da fase 1 do proxecto "Rede de Itinerarios Sostibles para a Redución da Pegada de Carbono" á empresa EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES S.A, por un importe total de 301.368,99 � (base impoñible de 249.065,28 � máis IVE do 21% de 52.303,71 �) e cun prazo de execución de catro meses. Incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado(EDUSI REVIVE), está actuación está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 e nun 20% polo Concello de Santiago.

Xesús Domínguez explicou que as actuacións que se contemplan neste proxecto teñen por obxecto a implantación dun itinerario ciclista entre a avenida de Romero Donallo, a rúa de Amor Ruibal e a rúa do Hórreo. "Con esta intervención darase continuidade ás obras xa realizadas na rúa Clara Compoamor e na rúa do Hórreo entre a estación do tren e a zona do ambulatorio e estableceranse as bases da futura rede de itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono", detallou.

Para acadar a segregación física dos carrís bici, empregaranse separadores e postes flexibles, e na incorporación desde o Campus Sur cara á rúa de Romero Donallo instalaranse dúas balizas semafóricas, unha a cada marxe. Tamén será necesario reducir a ocupación da calzada por parte dos coches "a través da redución do ancho das vías, ou mesmo nalgúns casos eliminando algún dos carrís".

Na Rúa Romero Donallo recóllense carrís de 3 metros, e no treito que vai dende a rúa Rosalía de Castro ata a saída do túnel está previsto eliminar un carril por sentido. Cada marxe contará cun itinerario ciclista segregado, dun só sentido e ancho comprendido entre 1,50 e 2,00 metros e cunha zona verde de separación coa beirarrúa.

No caso da rúa de Amor Ruibal, o proxecto establece unha vía ciclista na marxe dereita, baixando en dirección Pontepedriña, de dobre sentido de circulación e un ancho de 3,20 metros, que implicaría a supresión dun carril de circulación. O edil anunciou que desde o Goberno municipal estase estudando "unha modificación sobre a obra que implicaría a implantación dun carril bici de baixada pola marxe dereita e un de subida pola marxe esquerda", unha segregación que permitiría "darlle continuidade ao carril de Romero Donallo e permitir a mellor incorporación das bicicletas á rotonda da Pontepedriña".

Na rúa do Hórreo a actuación proxecta dúas solucións mantendo o actual número de carrís de vehículos cun ancho de 3,25 metros. Dende a intersección coa rúa de Romero Donallo e ata o primeiro paso de peóns, contará cun itinerario ciclista en cada marxe, dun só sentido e 2 metros de ancho. A continuación, ata a súa conexión coa vía ciclista xa existente na rúa do Hórreo, o proxecto inicial contempla un carril con dobre sentido de circulación e 3,25 metros de ancho só pola marxe esquerda. Neste caso, Xesús Domínguez tamén manifestou a súa vontade de estudar unha posible modificación do proxecto, que permita segregar este carril bici, xa que inicialmente prevíase "unha serie de paradas de autobús que se derivaron finalmente á Estación Intermodal, o que nos pode permitir facer un carril de subida pola marxe dereita e un carril de baixada polo outro lado".

Recuperación do Campus Sur para o cidadán

A Xunta de Goberno tamén acordou a adxudicación do contrato das obras de execución do proxecto "Recuperación do Campus Sur para o cidadán", á EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES, S.A., por un orzamento de 334.935,65 � (base impoñible de 276.806,32 � máis IVE do 21% de 58.129,33 �). Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA). Encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural".

Con esta actuación, o Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa co obxectivo de "mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos".

O ámbito de actuación centrarase na zona denominada "Conxunto da Residencia Universitaria", espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos, e, en concreto, na avenida da Coruña, nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.

Xesús Domínguez detallou que as actuacións permitirán "a peonalización da zona central da Residencia cunha plataforma compartida e única, a reordenación de usos con preferencia para percorridos peonís e a xeración de espazo de calidade tanto para os peóns como para os elementos construído". O obxectivo é lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial a través da reurbanización con novos materiais e seguindo criterios de sustentabilidade que tamén incluirá "a renovación de xardíns e especies vexetais".

Con esta actuación, a avenida da Coruña pasará a formar parte dunha plataforma compartida, para propiciar a continuidade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. O pavimento de formigón no primeiro tramo entre a Alameda e o estanque deixará paso a unha superficie vexetal. No caso das beirarrúas de baldosa, manteranse con reposicións puntuais de elementos rotos e no caso do formigón da calzada, utilizarase como base de novos pavimentos de formigón lavado e das zonas vexetais, con perforacións puntuais para permitir o drenaxe. Ademais realizarase unha renovación completa das instalacións soterradas de alumeado nas zonas nas que se renovan pavimentos.

Xesús Domínguez salientou que as dúas obras adxudicadas permitirán "situar a capital de Galiza á altura doutras capitais europeas en canto a accesibilidade, trasporte saudable, seguranza viaria e mobilidade.

Outros asuntos

O executivo municipal tamén deu luz verde á finalización das actuacións para a "Mellora dos accesos peonís cara aos centros educativos de Lamas de Abade", para a "Mellora do saneamento rúa Vázquez Cacharrón" e das obras de reforzo de estruturas na rúa dos Concheiros, números 10, 12, 16 e 18".

Ademais tamén foi aprobado esta mañá o Plan de Seguridade e Saúde do contrato de servizos de conservación, mantemento, reposición e nova instalación da sinalización horizontal, sinalización vertical e elementos de balizamento de tráfico nas vías públicas do termo municipal de Santiago de Compostela.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357