Camiño, reciclaxe vital e espiritual
Esta serie que se artella entorno a un gran número de collages, baixo o título CAMIÑO, mostra escenas do camiño de Santiago: paisaxes, peregrinos, monumentos, mesmo animais que se ven involucrados dentro destas miles de maneiras diferentes de facer o camiño. Moitas destas obras inmortalizan historias que o artista vivíu en primeira persoa como peregrino, ou como narrador testemuña, dentro da diéxese como hospitaleiro.
Algunhas destas historias son as que arrastran ao artista a contar mediante fragmentos de xornais as crónicas dun camiño que todos afirman estar cargado de espiritualidade e misterio. Un camiño no que se producen acontecementos e historias dignas de ser contadas. Estes cadros de gran formato agochan mensaxes, códigos e segredos, que o público só descubrirá mediante unha observación minuciosa e atenta.