noticias | Población
12.05.2020

Complétase a entrega de equipos de conexión aos centros educativos, aos que tamén se lles reparte material de protección

A Concellaría de Educación completa hoxe a entrega de equipos de conexión cos que o Concello de Santiago de Compostela pretende paliar a fenda dixital que existe entre o alumnado. Unha fenda que se está facendo máis perceptible coa crise sanitaria, visible sobre todo nos datos de seguimento do actual curso, que os/as escolares teñen que realizar <em>online</em>. Son 50 routers con SIM incorporada; outras 50 tablets, tamén con SIM incorporada; e 40 tarxetas SIM para garantir a conectividade a través doutros equipos móbiles as que se están a entregar nos centros educativos do municipio.
O obxectivo desta iniciativa, que tivo unha moi boa acollida, é paliar as dificultades que poidan ter as familias e garantir que eses menores poidan seguir o curso en liña coa mesma normalidade que os seus compañeiros e compañeiras. Hai 15 días, a Concellaría de Educación enviou unha carta aos centros educativos para coñecer o número de escolares que podían ter máis dificultades, xa que son os propios centros os que fan a selección. En función deses datos, os colexios reciben os equipos e deciden a que alumnado llo entregan. Ademais dos centros, tamén se contactou con asociacións que traballan con menores en tráeas de reforzo educativo.

Segundo explicou a concelleira de Educación, Noa Díaz, "somos un Concello preocupado polos nosos nenos e nenas. Queremos que todos eles poidan rematar este curso escolar nas mesmas condicións que empezaron, e dalgunha maneira contribuír a esa equidade educativa que aínda non existe".

O Concello de Santiago de Compostela, a través da Agrupación de Voluntariado de Protección Civil, tamén está a repartir luvas e máscaras ao persoal dos centros educativos, que están ata o próximo luns co proceso de admisión, recibindo a moitas familias, e precisan ter garantida a súa seguridade. Este material de protección tamén se lle vai entregar ás escolas infantís municipais.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357