evento | Población
22.12.2023-22.12.2023 18:00:00

Concerto de corais veciñais en San Fiz de Solovio

Imagen de 80078

San Fiz de Solovio acollerá este Nadal un concerto de corais moi especial, interpretado polas corais veciñais do Conxo, Vite e Marrozos. Previamente, a Paxe do Nadal realizará unha recepción ás 17:30H.

Este concerto é froito da colaboración entre as áreas municipais Turismo de Santiago de Compostela e Rede Municipal de Centros Socioculturais. Esta colaboración pretende dar visibilidade á veciñanza de Compostela nun espazo monumental esencial no Nadal da nosa cidade como é a igrexa de San Fiz, aproveitando a exhibición do preciosista belén tradicional que alí se instala, renovado, cada ano por estas datas.

A igrexa de San Fiz de Solovio é fundamental na historia fundacional de Santiago, ademais de que o seu tímpano acolle unha fermosa representación gótica da Epifanía ou Adoración dos Magos.

PROGRAMA: 

Coro Crecente, de Conxo

1.- Alá pola noite (panxoliña popular; arranxo de Nemesio García Carril)
2.- Onte a noite nun palleiro (panxoliña popular)
3.- O cantar que a Virxe canta (panxoliña popular)

Coral da Ponte Mantible, de Guadalupe, Vite

1.- Mariñeiro (de Rogelio Groba)
2.- Naceu o Neniño Deus (de Michael Praetorios)
3.- Ruada de Chamosa (de Julio Domínguez)

Pandereteiras da Asociación Cultural Pena Maior, de Marrozos

1. Reices de San Miguel de Arzúa (repertorio de Xulio “o Froilás”)
2. Licencia e Gloria (panxoliña da parroquia de Marrozos e arredores)
3.  Con sombreiriño de palla (panxoliña popular)

CORAIS PARTICIPANTES:

  • CORO CRECENTE DE CONXO

CORO CRECENTE de voces graves, comezou a súa andaina no barrio de Conxo en abril de 2019, por iniciativa de varios coristas que participaron na montaxe da Ópera “A Traviata”, que se representou naquela altura, en Santiago e distintas cidades de Galicia.

Na actualidade, o coro está formado por vinte voces masculinas, agrupadas en catro cordas, todos afeccionados á música e dirixida por Francisco Xavier Freire Chico, empresario compostelán e músico apaixonado.

Entre o seu variado repertorio destaca a música popular galega, habaneras, clásica e relixiosa. A presentación oficial do coro de esta Asociación fíxose o 15 de xuño de 2022, no auditorio AFUNDACIÓN-ABANCA de Santiago de Compostela, cunha proposta composta fundamentalmente por obras do estilo denominado “habaneiras”, como froito dun proxecto musical, que reflexionaba sobre a emigración do noso país dos séculos XIX e XX, e as súas músicas.

Durante este curto período de tempo interviñeron nun importante número de certames, concertos, actos litúrxicos, e intercambios culturais con outras agrupacións, e seguen a traballar para participar en diversas actuacións xa comprometidas para este e o próximo ano 2024, algunhas fóra da nosa terra.

  • ASOCIACIÓN CORAL PONTE MANTIBLE - GUADALUPE

Nace en setembro do 2002 coa intención de fomentar a música popular galega e animar a cantar aos veciños do barrio de Guadalupe e a súa contorna.

O repertorio compóñese maiormente de canción Popular Galega, habaneras, algo de músicos de Palacio dos séculos XV e XVI e tamén de música relixiosa.

Desde a súa fundación pertence a C.C.C (CANTORUM COMPOSTELLANA CONIUNCTIU) e tamén á Federación Coral Galega (FECOGA). Na actualidade componse de 28 persoas de idades comprendidas entre os corenta e os setenta e cinco anos. A dirección musical está a cargo de MALENA PAZOS PINTOR. 

  • ASOCIACIÓN CULTURAL PENA MAIOR DE MARROZOS

Na parroquia de Marrozos, que pertence ao concello de Santiago de Compostela, nace no primeiro de decembro do ano 1986 a Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos. A Asociación Cultural Pena Maior, leva máis de trinta e seis anos traballando na defensa e posta en valor da cultura tradicional galega. O esforzo e a ilusión de moitas persoas, atesouran a traxectoria desta formación do rural compostelán na preservación da música e o baile tradicional.

Actualmente forman parte da asociación máis de sesenta persoas, cunha idade comprendida dende os tres ata os sesenta anos. Esta asociación conta con diferentes seccións nas que se abordan as disciplinas de baile tradicional, canto, percusión, pandeireta, gaita e acordeón. Miudiños, Cantaruxeiros de Ardagán, Repeniqueiras, Son de Ferreña, Xoaniñas,... son algúns dos alcumes que reciben os diferentes grupos da asociación.

Os fins principais da Asociación son a promoción e defensa, entre as persoas socias e as súas familias, das temáticas e valores relacionados co ámbito cultural, social, patrimonial, con especial énfase en cuestións relacionadas co música e baile tradicional galego. 

Como Asociación sen ánimo de lucro, o noso traballo e actividades sufráganse coa achega das persoas sociais. A asociación mantén unha estreita colaboración e é apoiada pola Asociación de Veciños da Parroquia de Marrozos, Asociación Francisco García Beiro e pola Comisión de Festas de Marrozos.

*A apertura de San Fiz de Solovio no Nadal é unha iniciativa de Turismo de Santiago e a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago. Conta coa colaboración do Arcebispado de Santiago, do Mercado de Abastos e do Colexio Maior de Santo Agostiño. O belén tradicional é obra do Sr. José Uzal.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357