noticias | Población
18.07.2023

Daniel Lorenzo Santos, Mª Rosa Álvarez Prada, Ánxeles González Porto e os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi serán homenaxeados o vindeiro 25 de xullo no acto �Alba de Compostela�

O Concello de Santiago celebrará o vindeiro 25 de xullo, con motivo do día grande das Festas do Apóstolo, o acto �Alba de Compostela� no que se renderá homenaxe ás persoas ou institucións que constrúen cidade todo o ano. Daniel Lorenzo Santos director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite; e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, serán as persoas homenaxeadas nesta primeira edición.
Imagen de N22621
O Teatro Principal será o escenario o vindeiro 25 de xullo a partir das 13:15 horas da primeira edición de �Alba de Compostela�, un acto institucional organizado polo Concello de Santiago cuxo nome se inspira no afamado discurso �Alba de Gloria� que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día de 1948.

O Concello pretende con este evento sumarse de forma activa á celebración do día grande da cidade e de Galicia, rendendo homenaxe a aquelas persoas, institucións e organizacións vencelladas á cidade tendo en conta a súa identificación con Santiago, o seu arraigo social, a súa relevancia ou a súa proxección. Seguindo estes criterios de valoración, a edición desde ano de �Alba de Compostela� renderá homenaxe ás seguintes persoas e colectivos:

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago, polo seu labor para achegar á cidadanía o proxecto de rehabilitación da Catedral, socializando o proceso a través dun coidado programa de visitas que pon en valor a complexidade e importancia da conservación desta obra do patrimonio histórico e cultural universal.

Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, polos seus éxitos en ligas galegas e estatais, erixíndose en referentes no deporte de competición en xeral e no hóckey en particular; e pola súa contribución a difundir a aposta do club pola participación femenina na práctica do hóckey sobre patíns, na infancia e na mocidade.

Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, pola súa dedicación profesional e persoal á transformación do barrio de Vite, implicando persoas e entidades nun proxecto social que as erixe como protagonistas e impulsoras do espazo veciñal, modelo de intervención sociolaboral, colaborativa e educativa.

Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, polo seu labor de dinamización da zona histórica da cidade, contribuíndo a resignificar os espazos de lecer nocturno a través da experiencia cultural, e polo seu compromiso activo coa hostalería de proximidade e cunha marcada función de retorno social para a veciñanza.

Simbolismo e historia
O acto bebe do contido simbólico e histórico de �Alba de Gloria�, o discurso de Castelao, situado na mañá do 25 de xullo, que fai unha semblanza dos personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia e formula un desexo de esperanza no futuro. Neste 2023 celébrase, ademais, o 75 aniversario deste texto.

Tamén se inspira na �Estrela de Santiago�, unha estrela de oito puntas, presente no escudo de Santiago e visible en moitos lugares da cidade. Rememora o sinal que indicou onde se había de construír Compostela cuxo nome está relacionado, no imaxinario popular, co "campo da estrela". Vincúlase tamén con outras tradicións como a da relación entre o Camiño de Santiago e a Vía Láctea.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357