Entroido 2023
O Entroido arranca en Compostela o sábado 18 de febreiro co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20.00 h da praza do Obradoiro e que irá acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño ata quedar instalado no Pazo de Bendaña. Dende alí escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo de Talía Teatro.
Antes, pola mañá, poderase ir abrindo boca cos obradoiros para os máis pequenos no Espazo Apego (11.00 h e 12.30 h) ou coa animación a cargo da Asociación Folclórica Colexiata do Sar que levará a música e os cantares de Entroido da comarca de Santiago polas rúas da cidade entre as 18.30 e as 20.00 horas.
O domingo 19 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e cos Entroidos de Vilariño de Conso e Santiago de Arriba (Chantada). Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño acomapañada pola charanga Europa.
A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.
Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas das propostas programadas para o luns 20 de febreiro. No CSC Maruxa e Coralia haberá obradoiros de máscaras divertidas entre as 10.00 e as 14.00 horas, con reserva de prazas no propio centro. Pola tarde tamén haberá pasarrúas coa charanga Bicoia e os Armatroulas de Laraño, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro.
O día grande do Entroido, o martes 21, arrincará co obradoiro de caretas peliqueiras que se celebrará no CSC Maruxa e Coralia de 10.00 a 14.00 horas.
Xa pola tarde, terá lugar o agardado desfile de Entroido, tras tres anos sen el por mor da pandemia, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación do espectáculo Entroidanzas, con Pesdelán, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile.
No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 16.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.
Xa ao día seguinte, o mércores 22 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.
A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 25 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente ás 12.00 h dende Santa Clara e con remate na praza de Cervantes, onde ser poderán escoitar os tradicionais vivas e atranques. Tamén haberá ocasión de vivilos nas parroquias de Marrozos (sábado 11), Angrois (domingo 12), Aríns (sábado 18) e O Eixo (domingo 19). Neles está inspirado o cartel deste ano, obra do deseñador Álex Rozados.
O propio día 25 de febreiro aínda se poderá desfrutar da festa cos Entroidos rurais en Compostela de 18.00 h a 19.30 h e co Entroido de Conxo (durante todo o día), organizado pola Coordinadora de Festas Tradicionais do barrio.