Festival Respira!
Día 18 de marzo, 12 horas: Café no ambigú do Teatro Principal:
Ecopoesía contra cambio climático: María Xesús Nogueira e Rosa Berbel.
O primeiro acto programa, o sábado 18, servirá de marco teórico ao festival: o ambigú do Salón Teatro acollerá, ás doce da mañá, un café de faladoiro con María Xesús Nogueira e Rosa Berbel. Nogueira é unha das grandes estudosas da ecopoesía en Galicia, ámbito no que realizou importantes achegas teóricas e de rastrexo. Pola súa banda, Rosa Belber, está a facer a súa tese sobre este xénero, ademais de ser un dos nomes máis admirados da poesía española actual.
Día 18 de marzo, 20 horas: Poesía no Teatro Principal: Jorge Riechmann, María Grandío, Rosa Berbel e Amorante
O festival inaugúrase, como é tradición no seu programa, cun recital onde conflúen distintas linguas ibéricas. Será o sábado 18 de marzo. Sobre o escenario do Teatro Principal catro voces escintilantes e de forte compromiso ecolóxico, como Jorge Riechmann, referente en España do ecoloxismo social, profesor de ética e filosofía política en Madrid. Canda el estarán María Grandío, escritora emerxente da nova poesía galega actual, caracterizada por unha poderosa presenza escénica; Rosa Berbel, poeta e teórica da ecopoesía, e Amorante, que desde Euscadi navega con con xenio inimitable as augas da música e da poesía.
Día 19 marzo, 20 horas: Poesía no Teatro Principal: Keith Payne, Carlos Solla, Antonio Orihuela e Janski
O domingo día 19, a partir das 20 horas, o Teatro Principal ábrese a un programa con catro propostas radicais de poesía ecolóxica. Por un lado, Keith Payne presenta Hectares salvaxes, con composicións que recoñecen o papel fundamental do lugar na nosa ecoloxía humana. Carlos Solla é, pola súa banda, un dos máximos representantes da ecopoesía en Galicia, autor de libros como O orguFo do gurguFotributo á Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra. Antonio Orihuela considérase un arqueólogo do presente e un escritor a destempo da modernidade liberal. Por último, Jansky presenta Insecta Dance Music, unha exploración onírica, dunha sensualidade ancestral, a través de música electrónica en directo composta exclusivamente a partir de sons de insectos gravados en Mallorca.
Día 20 de marzo, 20 horas: Poesía no Teatro Principal
O programa do luns 20 de marzo achégase a un dos poetas de culto da poesía vasca contemporánea, Joseba Sarrionandía, que estará en Compostela para recitar en viva voz o seus poemas. Sobre eses poemas traballaron Isaac Xubín –o seu tradutor ao galego, Premio Etxepare por ese labor– e o músico Ruper Ordorika, creando un espectáculo ata agora inédito en Galicia. Como limiar ao bloque, o dúo Versofonía trae a Compostela os poemas de Lady Alpaca, unha das activistas máis carismáticas da Ribeira Sacra.
Dia 21 de marzo, 19 horas: Manifesto: Claudio Rodrígez Fer
Claudio Rodríguez Fer foi o encargado de escribir este ano o Manifesto do Día Mundial da Poesía para o festival. O resultado é un Manifesto ecopoético onde o autor reclama “un pensamento radicalmente ecolóxico que nos lembre a interconexión da humanidade cos demais seres animais, vexetais e minerais da Terra e acaso do Universo infinito, sen centros, sen periferias e sen fronteiras, porque a existencia é sempre coexistencia en permanente resistencia como o maquis”. A lectura terá lugar no balcón do Teatro Principal á Rúa do Vilar, inicio dun posterior percorrido que levará os asistentes ao Salón Teatro.
Día 21 de marzo, 19,15 horas: Ecopoesía contra o cambio de clima
Dezaoito poetas galegos, desde Helena Villar, Manuel Rivas e Xavier Rodríguez Baixeras a Iago González, Arancha Nogueira ou Tamara Andrés, participan no primeiro acontecemento en Galicia para celebrar a ecopoesía. A est*s poetas de traxectoria consolidada, únense *s catro gañador*s do Premio respira!, concurso convocado polo festival para fomentar a escrita poética entre o estudantado galego. Coa poesía deles e delas faremos un percorrido entre o Principal e o Salón Teatro, onde pechará o acto o dúo Clo Plas.