
Iago Lestegás Tizón
Arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico pola Universidade ‘Mediterranea’ de Reggio Calabria (Italia). Realizou estadías de investigación e intercambios académicos en universidades de Portugal, Estados Unidos, Arxentina e Noruega. Traballou como arquitecto no ámbito do urbanismo e a ordenación territorial, como consultor internacional de innovación e como investigador na Universidade de Santiago de Compostela. Ten experiencia na redacción de planeamento urbanístico, no deseño de espazo público e na elaboración de estratexias de desenvolvemento urbano sostible. Durante oito anos estudou as problemáticas actuais dos centros históricos e, especialmente, os impactos da turistificación sobre a vivenda, o comercio e a calidade de vida das comunidades locais. Ademais, forma parte do tecido asociativo compostelán ligado á música e ao baile tradicionais.
Competencias
Concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, con competencias nas materias de urbanismo (planeamento, xestión urbanística, licenzas e disciplina urbanística e aqueloutras que a normativa urbanística lle atribúa á Alcaldía), patrimonio municipal (xestión, protección, conservación e defensa, incluída a formulación de solicitudes; alegacións ou outras actuacións ante persoas ou entidades públicas ou privadas para a súa defensa, debida constancia ou regularización); cidade histórica, vivenda e rehabilitación; e as relativas ao exercicio da potestade expropiatoria deste Concello e as que na súa representación corresponden á Alcaldía en procedementos de expropiación forzosa doutras Administacións.
+ info
