noticias | Población
31.08.2023

Máis de 340 xogadores e xogadoras de baloncesto participarán este sábado no 3x3 "Camiño a Compostela" no Área Central

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou esta mañá a I edición do 3x3 "Camiño a Compostela", que organizan a Federación Española e Galega de Baloncesto co apoio do Concello de Santiago. Este torneo desenvolverase o sábado 2 e domingo 3 de setembro na praza Europa de Área Central.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada do presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, presentou a I edición do 3x3 "Camiño a Compostela" que terá lugar esta fin de semana na praza exterior do Centro Comercial Área Central. Previamente, o venres, 1 de setembro, os 345 participantes, procedentes de equipos de toda Galicia, realizarán o último tramo do Camiño de de Santiago en peregrinación ata a praza do Obradoiro.

Competición

A xornada central do "3×3 Camiño a Compostela" será a do sábado, 2 de setembro, na que se porán en xogo dúas categorías mixtas: sénior e júnior e cadete e infantil. En ambas categorías, os gañadores veranse recompensados cun premio de 200 euros en material deportivo. Unha fase de grupos clasificatoria a unha volta e as posteriores cruces, configurarán o formato de xogo.

O domingo, 3 de setembro, o "3×3 Camiño a Compostela" abrirase a todas as categorías, desde preminibasket ata sénior, nun xornada de carácter lúdico na que non haberá competición e sen límite de prazas para participar.

Neste caso, o 3×3 tamén será mixto e poderán participar equipos non presentes na xornada do sábado ou aqueles que desexen facelo en ambas datas.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357