Marcos Teira e Ton Risco
Risco e Teira, Teira e Risco. Láminas percutidas e corda rasgada. Madeira e metal. Percusión e harmonía. Dous instrumentos virtuosos que dominan sólidamente o ritmo e propoñen unha viaxe sensorial por universos novos. Teira destaca por un concepto do ritmo moi sólido que inspira ao seu compañeiro de escenario á hora de compoñer, ademais dunha maneira de concibir algo novo sobre algo que xa existe. Risco comparte a súa querenza polo ritmo e non deixa de sorprender ao guitarrista coa súa capacidade como improvisador de melodías.
O vibráfono e a guitarra flamenca enténdense de marabilla, como dá fe este disco gravado lentamente, producido polos mesmos Risco e Teira e editado polo selo madrileño especializado en flamenco-jazz Youkali Music. Como sinala Risco, “ás veces temos que traducir o son da guitarra no vibráfono, especialmente en cuestións puras dos paus flamencos, que precisan ser tocadas de certa maneira e aí hai que darlle voltas para que o vibráfono poida facer as veces da guitarra ou, polo menos, se faga recoñecible un tanguillo ou unha bulería no instrumento”. A guitarra, pola súa banda, sáelle ao encontro ás láminas para crear algo novo partindo da súa compatibilidade. Algo que resume Teira cando asegura: “Os nosos instrumentos enténdense ben, e esa é unha das razóns polas que este dúo existe. Son timbres compatibles, lévanse ben entre eles”.