María Callas, unha icona universal
O CGAC propón un achegamento, desde distintas ópticas e de formas complementarias, á considerada paradigma do soprano assoluto. Para iso, achegarémonos aos seus personaxes máis emblemáticos a través dun percorrido audiovisual pola súa traxectoria e deterémonos naqueles papeis que recuperou do esquecemento e que incorporou para sempre ao gran repertorio operístico, de xeito que redescubriu o bel canto e fixou a forma canónica de interpretalo.
Fotografías descoñecidas, vídeos coas súas entrevistas máis importantes, un repaso ás homenaxes máis sorprendentes —entre as que se atopa o espectáculo co seu holograma— e, como non, algunha das arias que inmortalizou conforman o núcleo desta actividade dirixida por Rosa M.ª Fernández.
O programa, que se sitúa entre unha charla/recital e un meet and greet, inclúe ademais a actuación en vivo da nova soprano galega Lucía Iglesias, acompañada pola pianista Ludmila Orlova. Xuntas interpretarán tres das arias máis suxestivas e conmovedoras da Divina.
Un encontro co público marcará o remate desta celebración, que ten como propósito difundir a figura dunha cantante que marcou os séculos XX e XXI.