noticias | Población
03.08.2023

María Rozas asina o convenio de colaboración con Cruz Vermella para o programa de teleasistencia e a atención a persoas sen fogar

María Rozas vén de reunirse co presidente da Cruz Vermella en Santiago, José Luis Barreiro, e coa súa coordinadora, Leonor Silva, para falar das liñas de colaboración que a concellería de Dereitos e Servizos Sociais mantén abertas coa entidade. No transcurso da xuntanza quedou asinado o convenio de colaboración polo que o Concello lle fai á Cruz Vermella unha achega de 85.000 euros.
María Rozas e os representantes de Cruz Vermella avaliaron o traballo que desenvolven o Concello e a entidade de maneira coordinada, en especial no que ten que ver coa atención ás persoas sen fogar. A concelleira aproveitou o encontro para explicarlles a José Luis Barreiro e a Leonor Silva a intención do Goberno de recuperar a concepción orixinal do Centro de Inclusión Social de Belvís, para que poida ter tamén uso habitacional por parte da poboación máis vulnerable.

Convenio de colaboración

O convenio asinado pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais e o presidente de Cruz Vermella ten unha dotación de 85.000 euros, destinados ao financiamento de dúas liñas de actuación: o proxecto de teleasistencia domiciliaria e o programa de atención ás persoas sen fogar.

O proxecto de Teleasistencia domiciliaria ten como obxectivo facilitar a permanencia nos seus fogares de persoas maiores en situación de desprotección e/ou discapacidade, reforzando a súa autonomía e seguridade grazas a dispositivos que conectan as usuarias con persoal profesional as 24 horas e os 365 días do ano, facilitando unha resposta e intervención inmediata ante calquera necesidade. O servizo é de carácter gratuíto e conta cus 60 usuarios e usuarias anuais.

En canto ao programa de atención a persoas sen fogar, permite contar cun equipo especializado de intervención de rúa, que fai un seguimento continuo da súa situación e xera con elas un espazo de confianza. No marco deste proxecto, tamén se procuran aloxamentos temporais de emerxencia en pensións e outros recursos habitacionais da cidade; e realízase acompañamento das persoas usuarias a citas médicas, coa administración ou xestión de documentación, así como labor de mediación.

Ademais, o Concello de Santiago mantén outro convenio de colaboración con Cruz Vermella para o financiamento do SEMUS, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, que conta cunha dotación de 100.000 euros procedentes de fondos provinciais da Deputación da Coruña.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357