Museo-Fundación Eugenio Granell

A través da obra e do legado que Granell deixou, a súa fundación mantén viva a esencia das diferentes formas de expresión surrealista.

A Fundación Eugenio Granell inicia a súa andaina en 1995 trala sinatura dun convenio entre o artista surrealista Eugenio Granell e o Concello de Santiago. Con sede no Pazo de Bendaña, na céntrica praza compostelá do Toural, a Fundación alberga obras do propio artista, as súas coleccións surrealista e étnica e, a partir do ano 1997 as obras doadas polo artista surrealista inglés Philip West, quen tamén nos legou a súa colección de libros surrealistas.
O fin primordial da Fundación é a difusión do conxunto da obra de Granell e o fomento do estudio do surrealismo e de correntes afíns. No primeiro andar do pazo, formado por tres salas, expóñense con carácter temporal fondos da Fundación que, por falta de espacio, non poden estar expostos durante todo o ano.
A segunda planta ten tamén outras tres salas dedicadas a exposicións temporais. Desde o inicio ofrecéronse ao público exposicións de artistas tan importantes como Man Ray, Max Ernst, Esteban Frances, Gordon Onslow Ford, José Hernández e artistas galegos como Xesús Carballido ou Paco Pestana.
Ademais desta actividade relacionada estrictamente co mundo da arte, é desexo da Fundación converterse nun lugar de creación e promoción cultural. Así, a través do Departamento Pedagóxico organiza obradoiros, visitas guiadas e actividades para escolares e colectivos de todas as idades que o soliciten; conta ademais cos Amigos Infantís e Xuvenís, aos que se lles ofrece unha programación especial cada mes.
O Departamento Cultural organiza outra serie de actividades entre as que se atopan concertos, teatro, recitais de poesía, conferencias...
A Fundación dispón dunha tenda e dunha biblioteca especializada en surrealismo. Calquera persoa ou entidade pode colaborar a través de Amigos da Fundación.

Outubro- maio: Martes- venres: 11:00-14:00 / 16:00-20:00 h. Sábados: 10:30-14:30 h. Luns, domingos e festivos pechado.

Xuño - setembro: Martes- xoves: 11:00-14:00 / 16:00-20:00 h. Venres: 11:00-14:00 / 17:00-20:00 h. Sábados: 11:00-14:00 h. Luns, domingos e festivos pechado.