noticias | Población
01.09.2023

O 150 aniversario da liña ferroviaria Cornes-Carril centra a XXXVI Semana Cultural de Conxo

Do 5 ao 9 de setembro volve a Semana cultural de Conxo, que neste 2023 chega á súa edición número 36 acompañada dun acontecemento especial: o 150 aniversario da posta en marcha da liña ferroviaria entre Cornes, no barrio de Conxo, e Carril, a primeira do ferrocarril galego.
Imagen de N22689
A temática central da XXXVI Semana cultural de Conxo será o 150 aniversario da liña de ferrocarril Cornes-Carril, evento condutor de varias das actividades programadas. Por exemplo, a mesa redonda do día 5 ás 20.00 horas, que contará coa participación de Xoán Luis Miguéns García, médico ferroviario e escritor do libro �Historias do Carril-Cornes�, do Consorcio e da editora Sotelo Blanco e da veciñanza de Conxo. A continuación inaugurarase a exposición �A memoria do tren� composta por 10 fotografias históricas e lembranzas do tren traídas da memoria oral das xentes de Conxo. Será ás 21.30 h.

Tamén se programaron unha serie de obradoiros arredor da temática ferroviaria: o martes 5 de serigrafía e gravado e o mércores 6 de creación de trens con Mbot e de ciencia; xogos de mesa de estratexia, o xoves ás 19.30 h; cine, coa proxección de �A todo tren�; unha ruta polo �camiño de ferro� e incluso un xogo de pistas e misterio para resolver o �Asasinato na locomotora Sarita�.

O xoves 7 haberá unha visita guiada ao Verderón, o tren dos anos 30 unido á locomotora AICO serie 1808, sede da Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril de Santiago, cuxo interior acolle unha maqueta de modelismo ferroviaria de 6 metros de longo. Será preciso inscribirse con anterioridade.

A todas estas actividades sumaranse outras como unha ximcana ciclista, a actuación musical de Mallou, dentro do programa Terrazeando, xogos na praza, obradoiro de pintura ao aire libre, torneo de rápidas de xadrez, espectáculo de monicreques...

A semana pecha coa xa tradicional �Tarde na carballeira� o sábado 9 con música e xogos para a cativada. En caso de choiva, realizarase no Centros Sociocultural Aurelio Aguirre.

Liña Cornes-Carril

O 15 de setembro de 1873 entraba en servizo a primeira liña férrea que se construíu e operou en Galicia, cunha lonxitude de 42 quilómetros, 25 anos despois da posta en funcionamento da primeira liña da península Ibérica. Unía a estación de Cornes, no termo municipal de Conxo (hoxe integrado no concello de Santiago de Compostela), e a estación de Carril, no termo municipal de Santiago de Carril (hoxe concello de Vilagarcía de Arousa).

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357