noticias | Población
12.07.2023

O 6º Encontro Emprendedor xirará arredor da economía urbana

O ciclo de Encontros Emprendedores ten marcada a súa próxima cita o día 18 de xullo cunha sesión sobre "A gastronomía e a restauración como valedores dos produtos locais", que contará coa presenza do chef e copropietario do Abastos 2.0, Iago Pazos. Os Encontros Emprendedores presentan iniciativas empresariais desenvoltas en Santiago que dan resposta aos retos identificados pola cidadanía de cara aos vindeiros anos.
Imagen de N22612
Pasado o ecuador do ciclo, o Encontro Emprendedor de xullo centrarase no eixo da Economía Urbana. Así, porase o foco nas conexións que existen entre iniciativas emprendedoras recoñecidas na cidade, que destacan pola súa capacidade de cooperación e reforzo ao sector primario compostelán, en concreto, as iniciativas gastronómicas e de restauración vinculadas ao produto de proximidade na Praza de Abastos.

O 6º Encontro Emprendedor contará coa participación de Iago Pazos, chef con experiencia no emprendemento de iniciativas de restauración que xestiona Abastos 2.0, unha iniciativa que demostra que a unión entre os produtos locais e unha oferta gastronómica de calidade son sinónimo de éxito. A Praza de Abastos, como mercado da cidade, cobrará especial importancia xa que simboliza o punto de unión entre o rural e o urbano.

Nesta cita tamén haberá espazo para a conversa e o intercambio sobre o ecosistema emprendedor local e a oferta local de produtos de calidade. O Mercado galego da Creatividade ofrecerá tamén un almorzo de produtos locais, para fomentar o debate dende a proximidade

Este novo Encontro terá lugar o martes 18 de xullo, entre as 10 e as 12:30 horas, no Mercado galego da Creatividade (Creativas Galegas - Caldeirería 36). As inscricións están abertas e son de balde, a través deste enlace.

Para máis información, podes escribir a encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.

Encontros emprendedores

O programa Encontros Emprendedores ten coma fin dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e tamén facer as veces de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

Os Encontros Emprendedores estanse a desenvolver ao longo do 2023 coas seguintes temáticas:

Marzo: Modelo de cidade
Abril: Cambio climático e resiliencia
Maio: Xestión sostible dos recursos e economía circular
Xuño: Mobilidade e transporte
Xullo: Cohesión social e igualdade de oportunidades
Agosto: Economía urbana
Setembro: Vivenda
Outubro: Era dixital
Novembro: Gobernanza

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357