noticias | Población
14.08.2023

O Concello de Santiago celebrará un acto institucional en lembranza de Ánxel Casal

O Pazo de Raxoi acollerá o vindeiro venres, 18 de agosto ás 12:00 horas, un acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal, en recoñecemento á súa memoria e á de todas as persoas que foron represaliadas canda el por loitar pola liberdade e a democracia.
Imagen de N22668
Nesta homenaxe participarán representantes dos concellos de Santiago de Compostela, de Teo e de Arzúa co obxecto de visibilizar os lugares que marcaron os momentos finais da súa vida e da súa loita. Así, están previstas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; da tenente de alcaldesa, María Rozas, da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; e do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.

Ademais de convidar ás corporacións municipais dos tres concellos, desde o Concello de Santiago tamén se cursou convite a persoas e entidades que, ao longo do ano, realizan actividades relacionadas coa Memoria Histórica.

Este acto institucional ten por finalidade honrar a dignidade colectiva das persoas que loitaron a prol da liberdade e da democracia e que foron represalias tras o golpe do 36, e nomeadamente a figura de Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto dese mesmo ano en Cacheiras.

Alén de ser o alcalde de Santiago de Compostela en 1936, Ánxel Casal tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357