noticias | Población

O Concello de Santiago logra prorrogar o seu Plan de Sostibilidade Turística ata 2026

A iluminación ornamental da contorna da catedral e a renovación dos sinais da cidade histórica son as actuacións prioritarias do documento. O Plan, con 3 millóns de euros de orzamento, busca poñer en valor Compostela como destino turístico e mellorar a experiencia das persoas que visitan a cidade.
Imagen de N22744
O Concello de Santiago de Compostela vén de lograr a prórroga do Plan de Sostibilidade Turística, froito das negociacións que o Consistorio mantivo con representantes da Xunta e do Goberno central. A ampliación do prazo vai permitir a posta en marcha de actuacións que impulsen Santiago como destino turístico sostible. Entre elas, o Plan inclúe unha nova iluminación ornamental nas prazas da contorna da catedral e a renovación dos sinais na cidade histórica.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, destaca que "agora a nosa prioridade é traballar para garantir a realización das accións do Plan. Queremos que os cartos se empreguen para concienciar as persoas que nos visitan de que é preciso coidar o patrimonio da cidade". Por outra parte, a concelleira apunta que "faremos unha aposta por valorizar recunchos menos coñecidos de Santiago e, deste xeito, aliviaremos a presión turística sobre a cidade histórica".

O Plan, froito dun convenio entre o Concello, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, conta cun orzamento de 3 millóns de euros. A partida destinada á iluminación na contorna da catedral supera os 860.000 euros, mentres que para renovar os sinais na cidade histórica se prevé destinar ao redor de 600.000 euros.

Aposta por un turismo sostible

Ao longo dos vindeiros tres anos, o Plan impulsará actuacións como a posta en marcha dun foro para debater a implementación da taxa turística, un plan de accesibilidade ou a creación de novos produtos turísticos.

Outra das accións promovidas polo Plan é o Código de Boas Prácticas, que o Concello lanzou este verán con recomendacións para as persoas que visiten Santiago. O obxectivo é concienciar sobre o carácter patrimonial da cidade e sobre a importancia de coidala, respectando tanto os espazos e edificios públicos como a vida cotiá e o descanso da veciñanza.

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357