Patrimonio C-Noite do Patrimonio
O próximo sábado, 16 de setembro, Santiago acollerá varias actividades para celebrar a Noite do Patrimonio. O programa estrutúrase en tres eixos: Patrimonio ao Vivo, Patrimonio Aberto e Patrimonio Agora. Ademais, unha das artistas españolas máis innovadoras en creación coreográfica, La Ribot, estreará 'Pièce distinguée nº 59'. Será ás 20.30 horas na rúa Ramón del Valle-Inclán, con entrada libre. O espectáculo forma parte do programa Escena Patrimonio, con motivo da celebración do 30 aniversario da creación do Grupo Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España (GCPHE) e a Presidencia española do Consello da Unión Europea.
Dentro de Patrimonio ao Vivo, haberá animación musical polas rúas da cidade histórica de 21.00 a 23.00 h con Os Bregadiers (partindo desde Bonaval) e o grupo de música tradicional Atabal (dende o Pazo de Raxoi). Tamén un obradoiro de baile tradicional da man de Marcos Botana ás 22.30 h na praza de Mazarelos.
As actividades de Patrimonio Aberto inclúen un paseo guiado ás 21.00 h polo patrimonio dos barrios extramuros (Bonaval, San Pedro, Belvís e Sar); e un roteiro fotográfico con Manuel Blanco con saída ás 21.30 h desde o Pazo de Raxoi. Ademais, tanto o Pazo de Raxoi como a Zona C terán as súas portas abertas de 21.00 a 23.30 h.
Por último, enmarcado dentro do apartado Patrimonio Agora, desenvolveranse visitas guiadas e encontros con artistas e responsables de diferentes espazos culturais (Galería Dupla, Galería Trinta, Fundación Didac, Patio de Luz, Galería Luisa Pita, Galería Metro e Galería Nordés); así como obradoiros de artesanía con Susi Gesto (ourivaría), Obradoiro Noroeste (xoiaría) e artesáns do Distrito Sar (Mauro Trastoy-papel, Pablo Barreiro-cerámica e Tita Fraga-gravado). O horario será de 21.00 a 23.30 h