evento | Población
26.01.2024-28.01.2024

Pequefilmes 2024

Imagen de 81320

Este mes de xaneiro regresa o mellor cinema miúdo á Cidade da Cultura. Chega o festival de curtametraxes infantís Pequefilmes, cunha selección de 53 filmes para gozar desde os 0 ata o 99 anos de idade! Este ano o festival celébrase os días 26, 27 e 28 de xaneiro no Edificio CINC e haberá tres salas diferenciadas —Vagalumes, Miñocas e Fanecas— e obradoiros para a cativada onde aprender a facer cinema con sombras.

As entradas para as proxeccións e os obradoiros poden adquirirse de maneira anticipada no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com. Tamén se poderán mercar o mesmo día antes de cada sesión no Edificio CINC, a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión. Máis abaixo tedes un enlace directo á programación e horarios de cada sala.

Variedade de estilos, xéneros e temáticas caracterizan o programa de Pequefilmes. E aínda que a animación segue a ser a gran protagonista, este ano poderán verse tamén curtametraxes de ficción protagonizadas por actores e actrices de carne e óso. Cómpre destacar tamén a participación de dúas curtas producidas en Galicia e en galego, que competirán nas seccións a concurso do festival canda películas de Francia, Alemaña, Estados Unidos, Portugal e así ata 16 países que participan nesta oitava edición do festival.  

Coma noutras edicións, as nenas e nenos espectadores de Pequefilmes son tamén o xurado do festival. Dos seus votos dependen os dous premios que se entregarán ás mellores curtas incluídas nas seccións Miñocas e Fanecas. Fóra de concurso, poderá verse, de balde previa retirada de convite, unha escolma de películas proxectadas nas últimas edicións de dous dos festivais de curtametraxes e cinema para a cativada máis relevantes de Europa: o Festival Clermont-Ferrand e o IndieJúnior do Porto.

 

Pazo de Raxoi

Praza do Obradoiro

15705 Santiago de Compostela (A Coruña)

Centro de Atención Telefónica

+34 981 542 300

Alcaldía

+34 981 542 357