Sequitur - Julia Huete
Sequitur é un proxecto artístico que consiste na produción dunha serie de pezas bidimensionais e tridimensionais, de madeira e tecido, que proceden da observación e da manipulación que Julia Huete realiza sobre formas e materiais relacionados co vestido. A artista segue liñas de investigación de traballos anteriores e fai referencia no título a esta continuidade.
Dende hai tempo vén explorando o tecido tendo en conta as implicacións conceptuais deste material e as súas características plásticas. Nos anos 2020 e 2021 tivo a oportunidade de traballar dende dous puntos de vista que poderían considerarse opostos: artesanía e industria. Contou co apoio no proxecto de firmas galegas de artesanía (como Belategui Regueiro, cos que traballará de novo para este proxecto), que lle facilitaron o acceso aos seus talleres e unha aprendizaxe que lle permitiu profundar no coñecemento de materiais, métodos e procesos.