Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago
<p>Expón coleccións de zooloxía, botánica e xeoloxía, con exemplares procedentes de Galicia e de outros puntos do planteta. Destaca a colección Haüy, que ilustra o inicio dos estudos cristalográficos.</p>
As instalacións do Museo de Historial Natural no parque de Vista Alegre poñen ao alcance do público xeral un conxunto patrimonial que se remonta ao século XIX con pezas singulares de gran valor para o estudo e a divulgación da biodiversidade e o medio ambiente.
Os principais espazos das novas instalacións agrúpanse en torno aos conceptos de Biodiversidade e Biodiversidade Terrestre, na planta baixa, e dos apartados dedicados a Xeodiversidade e Solo e Biodiversidade Mariña na primeira planta. Así, desde un ámbito multimedia, a exposición permanente do MHN é un singular percorrido por ecosistemas de augas continentais e bosques galegos ou pola xeodiversidade con mostras de minerais, pedras preciosas e semipreciosas, rocas, fósiles e meteoritos. Tamén ten o seu propio espazo a biodiversidade mariña, as algas, os invertebrados, os peixes ou ecosistemas do litoral galego, e outros máis afastados como a selva sudamericana ou a sabana africana.
Ademais móstrase por vez primeira en España unha sala dedicada ao solo, cunha reprodución a escala dun fragmento de terreo cortado en sección de modo que se poden apreciar distintos elementos que inciden na súa conformación ou a súa relación coa fauna e a flora.
Cada un dos temas abordados móstrase ante o visitante cunha reprodución fiel que representa o ecosistema en cuestión e os seus protagonistas, con apoio das explicacións oportunas en distintos formatos, para que a visita sexa unha experiencia interactiva que require da actitude participativa de quen a visita. O grao de reprodución da vida real alcanzado aspira a reflectir o medio natural e trasladar ao visitante ao contexto real do que se lle expón.
<p>Inverno: Ma-Sa: 10-14h e 16.30-20h. Do, Fest, 11-14h.</p>
<p>Verán (23 xun-13 set): Ma-Sa, 11-14h e 16:30-20:30h. Do, Fest, 11-14h.</p>
<p>Pechado luns e días 1, 6 xan; 1, 2, 3, 4 abr; 1 mai; 25 xul; 15 ago; 12 nov; 24, 25, 26 e 31 dec.</p>
