Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno é o órgano municipal que colabora, de xeito colexiado, na función de dirección política que lle corresponde ao/á alcalde/sa, que é ademais o/a seu presidente/a e o encargado/a de nomear os seus membros.
Os membros da Xunta de Goberno deben ser concelleiros/as. Entre os membros da Xunta, o seu presidente/a, o alcalde/sa, é quen nomea o secretario/a.
A Xunta de Goberno debe responder ante o Pleno da súas actividades, sen prexuízo de que a responsabilidade destas recaia de xeito directo sobre cada un dos membros da Xunta. Así mesmo, as persoas que compoñen a Xunta teñen o dereito de asistir ás sesións plenarias e participar nos seus debates, sexan ou non concelleiros/as.
Entre as atribucións que lle corresponden á Xunta de Goberno está a aprobación de proxectos relativos a ordenanzas, orzamentos e regulamentos, a aprobación de proxectos de ordenación urbanística previa á súa discusión no Pleno, así como a daquelas cuestións que non estean expresamente atribuídas ao Pleno, a aprobación da relación dos postos de traballo e as retribucións dos mesmos de acordo ao orzamento aprobado polo Pleno.
Outras responsabilidades de Xunta de Goberno son as concesións e contratacións de licenzas, o desenvolvemento da xestión económica, e o nomeamento e o cese dos titulares dos órganos directivos do Concello. Ademais, a Xunta de Goberno pode levar a cabo accións xudiciais e administrativas e ten potestade sancionadora. A Xunta de Goberno reúnese de forma ordinaria os luns.
Enlaces

Goretti Sanmartín Rei
Profesora universitaria e doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa. Foi directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade. Con anterioridade, impartiu aulas no Instituto de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela e no Instituto Eduardo Pondal. Participa activamente dos movementos cultural, en defensa da lingua e feminista. Foi responsábel local do BNG en Santiago e vicepresidenta da Deputación da Coruña. Na actualidade, forma parte da Executiva Nacional do BNG.

BNG

Manuel César Vila
Veciño do barrio de Santa Marta, aínda que con orixes no de San Lázaro, onde se criou e formou parte das xuntas directivas das súas asociacións xuvenil e veciñal (AVV Monte do Gozo). Catedrático de Formación e Orientación Laboral no CIFP Politécnico de Santiago, é licenciado en Ciencias Económicas e en Administración e Dirección de Empresas. Ademais, é doutor en Integración Económica e Desenvolvemento Rexional pola USC, onde tamén foi profesor asociado no departamento de Organización de Empresas e Comercialización. Foi secretario da Agrupación Cultural O Galo e tesoureiro e vogal do Consello da AGAL. Afiliado à CIG-Ensino, fixo parte do seu Consello Federal e da Executiva Comarcal de Santiago.

BNG

Míriam Louzao Fernández
Naceu en Santiago de Compostela en 1983, é veciña do barrio de San Lázaro e ten dous fillos. Licenciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual, ambas pola USC, traballou no período 2011-2023 como responsable de comunicación no Auditorio de Galicia, organismo que xestiona o Departamento de Cultura do Concello de Santiago. Con anterioridade foi a responsable de comunicación do grupo municipal do BNG en Compostela e na actualidade está no seu Consello Local. Foi integrante da directiva de diversas asociacións culturais e representante de pais e nais da Escola Infantil Municipal das Fontiñas. Estivo na directiva da ANPA do CEIP Monte dos Postes e forma parte do seu Consello Escolar.

BNG

Xesús Manuel Domínguez Domínguez
Protésico dental con laboratorio en Conxo desde 2003, do que é director técnico. Membro de diversas asociacións no eido do ecoloxismo e da defensa da lingua. Foi insubmiso ao servizo militar. Durante oito anos foi secretario do Colexio de Prótesico Dentais de Galiza. Tamén foi voceiro da Coordinadora de Plataformas de estafados/as polas preferentes e subordinadas en Galicia. É membro de Composcleta, unha asociación que promove o uso da bicicleta como medio de transporte urbano.

BNG

Pilar Lueiro García
Naceu en Santiago de Compostela. É licenciada en Filoloxía pola USC. Profesora de ensino secundario, bacharelato e EOI, tamén foi traballadora do grupo municipal BNG de Santiago e foi técnica de Comercio Rural en Galicia Calidade. É integrante da Executiva comarcal do BNG desde 2017 e foi membro do Consello local de 2010 a 2017. Forma parte da directiva de varias asociacións culturais.

BNG

Iago Lestegás Tizón
Arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico pola Universidade ‘Mediterranea’ de Reggio Calabria (Italia). Realizou estadías de investigación e intercambios académicos en universidades de Portugal, Estados Unidos, Arxentina e Noruega. Traballou como arquitecto no ámbito do urbanismo e a ordenación territorial, como consultor internacional de innovación e como investigador na Universidade de Santiago de Compostela. Ten experiencia na redacción de planeamento urbanístico, no deseño de espazo público e na elaboración de estratexias de desenvolvemento urbano sostible. Durante oito anos estudou as problemáticas actuais dos centros históricos e, especialmente, os impactos da turistificación sobre a vivenda, o comercio e a calidade de vida das comunidades locais. Ademais, forma parte do tecido asociativo compostelán ligado á música e ao baile tradicionais.

BNG

María Rozas Pérez
Naceu en Santiago en 1981. Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, con Máster de Estratexias, Axentes e Políticas de Cooperación ao Desenvolvemento polo Instituto HEGOA. A súa traxectoria profesional está vinculada á consultoría de xestión económica e patrimonial para Administracións Públicas, e foi voluntaria en varias ONGD’s e participante de movementos feministas. Foi concelleira de Economía, Facenda e Administración en Santiago no período 2015-2019

CA

Xan Duro Fernández
Naceu na Coruña en 1966, e é pai de dous fillos. É Diplomado en Biblioteconomía e Documentación, e traballa na Universidade de Santiago. Ten unha longa traxectoria vinculada ao movemento ecoloxista: foi presidente de ADEGA; coordenador xeral de Verdegaia, organización da que segue formando parte; e membro de Ecoloxistas en Acción. Foi concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia en Santiago no periodo 2015-2019.
